Despois de dez anos apoiando e apostando polas persoas que crean contidos en galego na rede, Youtubeiras+ chega á súa décima edición baixo o lema: Dez anos en rede. Unha edición que pretende celebrar o talento das persoas que crean contido nas redes sociais á vez que recoñecer o traballo daquelas persoas pioneiras no uso do galego en internet.

Xa podes consultar as bases do certame aquí. O prazo de inscrición estará aberto até ás 23.59 horas do 15 de novembro a través deste formulario.
Como todos os anos, calquera persoa pode presentar suxestións para o Premio do Público, a través deste formulario até o 15 de novembro. Ninguén poderá propor como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación, habilitado do 23 de novembro ao 4 de decembro.
Atopa toda a información no apartado de inscrición
O proxecto Youtubeiras+, impulsado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, as tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, lanza un novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua. Esta é a gran novidade que trae a décima edición dos Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar en www.youtubeiras.gal. O prazo de inscrición manterase aberto até as 23.59 horas do día 15 de novembro e repartiranse 7500 euros entre as persoas premiadas nas sete categorías convocadas: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación económica de 1250 euros e as cinco restantes, de 1000 euros.
Estas son as liñas mestras que definen esta nova edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverán baixo o lema Dez anos en rede. Así o explicaron en rolda de prensa o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia. Ao acto asistiu tamén, en representación da UVigo, Xabier Martínez Rolán, vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa.


