Unha delegación galego-portuguesa estará presente na reunión internacional da UNESCO, que se celebrará do 30 de novembro ao 5 de decembro, e desenvolverá tamén unha axenda de encontros na Universidade de Macau.

Ponte…nas ondas! participará na 21ª Sesión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO, que terá lugar en Xiamen (China) do 30 de novembro ao 5 de decembro. A delegación galego-portuguesa asistirá ás sesións deliberativas, aos procesos de inscrición nas Listas do Patrimonio Cultural Inmaterial e ás actividades do Foro das ONG acreditadas pola UNESCO.
Esta participación ten un significado especial para Ponte…nas ondas!, despois de que, na pasada sesión celebrada en Nova Delhi, en decembro de 2025, a UNESCO seleccionase a súa experiencia como exemplo para a nova plataforma internacional destinada a dar maior visibilidade ao Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmateria
A dixitalización do PCI e a transmisión ás novas xeracións
O Foro das ONG acreditadas abordará as oportunidades que ofrecen os procesos de dixitalización para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e a súa transmisión ás novas xeracións.
Ponte…nas ondas! leva participado en distintos foros internacionais nos que deu a coñecer as súas iniciativas de comunicación e educación patrimonial, entre elas a “Xornada Radiovisual Interescolar”, o Certame “As imaxes do patrimonio” ou o “Radiovisual do Patrimonio”.
A experiencia acumulada ao longo de tres décadas de actividade quedou recollida na exposición “Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte…nas ondas!”, que se puido visitar en Santiago de Compostela e que agora ten continuidade a través da web da asociación: www.pontenasondas.org
A Rede de Centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co PCI”
Outro dos obxectivos da presenza en Xiamen será dar a coñecer a Rede de Centros Modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial, creada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia mediante unha convocatoria anual que se desenvolve desde hai catro cursos.
Na actualidade, esta rede está integrada por 41 colexios e institutos de toda Galicia. Arredor dun centenar de docentes participaron o pasado 16 de novembro nunha xornada de formación celebrada en Santiago de Compostela, no marco da exposición instalada no Claustro de Fonseca.
Para Ponte…nas ondas!, esta iniciativa constitúe unha experiencia especialmente relevante, en consonancia coa Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, que promove a integración do patrimonio vivo no ámbito educativo. A Rede de Centros Modelo representa así unha experiencia galega de referencia que se dará a coñecer no encontro internacional de Xiamen.
Presentación do modelo Ponte…nas ondas! na Universidade de Macau
A axenda da delegación incluirá tamén unha visita á Universidade de Macau, onde será recibida polo seu vicerreitor para Assuntos Globais (Vice Rector for Global Affairs), cargo que ocupa desde 2018 (tras exercer anteriormente como Vicerreitor de Investigación desde 1997). Esta visita está promovida pola UCLA (União de Cidades Capitais de Língua Portuguesa), unha asociación intermunicipal internacional creada en 1985 e á que pertencen cidades como Lisboa, Rio de Janeiro e Macau.
Neste encontro presentarase o modelo educativo e de salvagarda do patrimonio de Ponte…nas ondas! á comunidade universitaria e educativa macaense.
A visita permitirá, ademais, documentar a presenza do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués nas rúas de Macau e coñecer os testemuños da pegada da cultura galego-portuguesa nesta antiga colonia portuguesa.
«Andando a terra» con Begoña Caamaño
A viaxe a China terá tamén unha dimensión de lembranza e recoñecemento á xornalista e escritora galega Begoña Caamaño.
O pasado mes de abril, a Xornada Radiovisual Interescolar de Ponte…nas ondas! dedicou unha homenaxe á súa figura, destacando o seu labor como xornalista radiofónica e o seu compromiso coa cultura galega.
Un dos programas que realizou na Radio Galega, “Andando a terra”, dedicou un dos seus especiais a China, un país que espertaba nela un interese especial tamén por razóns familiares. O programa, actualmente dispoñible na plataforma da Radio Galega, ofrece un amplo percorrido pola cultura e a historia do xigante asiático.
A lusofonía foi tamén outro dos grandes ámbitos de interese de Begoña Caamaño, que coñecía profundamente as culturas dos países de lingua portuguesa. A presenza de Ponte…nas ondas! en Macau permitirá, dalgún xeito, continuar ese diálogo entre culturas e territorios que tamén formou parte da súa traxectoria.
