Estes galardóns municipais buscan recoñecer, promover, premiar e difundir materiais didácticos que favorezan a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria este luns, deulles o visto e prace ás bases para a XVII edición dos Premios Educacompostela. Por primeira vez na historia destes recoñecementos, increméntase a súa dotación económica. En concreto, o premios suben 300 euros en cada categoría, de xeito que se establece una recompensa de 1.500 para o primeiro premio, 1.200 para o segundo e 900 € para o terceiro.
Estes premios, que organiza o Departamento de Educación co asesoramento pedagóxico de Nova Escola Galega, naceron co fin de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais didácticos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
Os materiais didácticos que se presenten poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino non universitario (educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional) ou aos diferentes contextos de acción socioeducativa.
Son requisitos que estean integramente redactados en galego, que correspondan aos últimos cinco anos, que sexan orixinais e non premiados con anterioridade e que fosen aplicados, tamén na nosa lingua.
O prazo para presentar traballos comezará coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e rematará o 18 de setembro de 2026 e terán que entregarse ou dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago.

