Verónica Boquete súmase á campaña ‘Ficha polo Galego!’

“Como referente, que me escoiten falar galego para min é importante”.

O Concello de Santiago, a través do Departamento de Lingua, difundiu un vídeo protagonizado pola futbolista Verónica Boquete, no que explica a súa adhesión á campaña ‘Ficha polo Galego!’, sumándose así ao compromiso do deporte local coa lingua propia.

“Tiven adestradores que falaban galego, entón normalízalo e dáslle a importancia que ten. Cando creces é algo que vai contigo”, valora Vero Boquete na entrevista, na que expresa que tanto a lingua coma o deporte contribúen a sentirse parte de algo. Tamén traslada a relevancia de contribuír ao uso normal do galego no ámbito deportivo: “Como referente, que me escoiten falar galego para min é importante”, afirma.

Verónica Boquete a anima a clubs, deportistas, adestradoras e adestradores, árbitros e árbitras, familias, seareiros e seareiras de Santiago de Compostela a fichar polo galego e falalo así con naturalidade mentres corren, saltan, xogan, animan e celebran. Porque o galego tamén xoga, adestra, marca, para, corre, puntúa e gaña.

Formulario en liña para fichar polo galego

A forma de adhesión a este compromiso é efectiva tras cubrir un formulario en liña con datos básicos, accesible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello.
Difundir a mensaxe en redes co cancelo #fichapologalego é outra forma complementaria de visibilizar o apoio.

A inciativa ‘Ficha polo Galego!’ parte da idea de que entidades deportivas de Santiago e o resto da comunidade deportiva (deportistas, adestradoras e adestradores, monitoraxe…) poden axudar a sensibilizar e espallar o uso do galego sumándose a un compromiso a prol do seu uso. 

Ata agora 17 entidades adheríronse xa a esta campaña municipal que alenta o compromiso coa lingua propia no deporte: Atletismo Obradoiro, Club Tríatlon Compostela, Noitebra Fútbol Club, Suévia Futebol Gaélico, Club de Xadrez Algalia, Sporting Santiago CF, Vitoria FC, Club Atlético Fátima, Feafes Galicia, Club Waterpolo Santiago, CD Composala, Club Balonmán Ribadosar, Equilátero Club Deportivo,Tríatlon Inforhouse Santiago, SD Compostela, Club Hóckey Compostela e a Monitoraxe da asociación ASPAS.

Tamén o fixeron variedade de persoas particulares (seareiras, deportistas, familiares…), así coma negocios relacionados co deporte (tendas, ximnasios…).

O vídeo promocional da campaña contou coa participado de Obradoiro CAB, SD Compostela, Balonmán Ribadosar, Rugby Tuxeleires, Club de Atletismo Sar-Miraraio, Club Waterpolo Santiago, ADB Fontiñas, Escaravellos Club Ciclista, Hóckey Raxoi, Compostela Esgrima, Club Ximnasia Rítmica Compostela, Club de Tenis Camiño Stellae, San Pedro FC, Compostela Golf, Xadrez Compostela, Asociación Break Inclán e CD Ávalon Kai. Participaron tamén con berros de equipos o Equipo de Rugbi Tuxeleires, o Club de Atletismo Millaraio e o Club de Balonmán Ribadosar.

Ademais, a campaña inclúe vídeos co testemuño doutros deportistas destacados como o futbolista Borja Iglesias, a xogadora de hockei Noa Fuentes, a futbolista Carmen Castro, o xogador de baloncesto Adrián Dios, a ximnasta Vega Souto e o adestrador Moncho Fernández.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here