Rita Doallo gaña o IV premio Simbad de literatura infantil

O cuarto premio de literatura infantil Simbad recaeu en Rita Doallo, pola obra Astralistoria. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou que a lingua e a literatura infantil “son ferramentas esenciais para construír unha sociedade máis consciente e máis humana por iso son importantes iniciativas como esta para crear novas xeracións máis comprometidas”. Neste senso, felicitou aos organizadores polo éxito desta cuarta edición do certame e polo traballo en materia de concienciación sobre a doenza que afecta a máis de 70.000 galegos e galegas.

A autora premiada

Rita Doallo (San Cibrao das Viñas, 1987) é educadora social, traballadora social e responsable dunha casa niño en Taboadela. Publicou Bigote de tres pelos e Que enleada coa piada.

O premio de literatura infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, que buscaba sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. A gañadora, que recibirá 3000 euros e a posibilidade de ver publicada a súa obra, uniranse a Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso Gasalla e Ángela María Curro, galardoados nas tres primeiras edicións.

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here