Programa Falamos secundaria 2026 na Coruña

Actividade dirixida aos centros de ensino secundario da Coruña.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o Falamos secundaria. Este programa pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

Con este fin, imos desenvolver a seguinte actividade no auditorio do Centro Ágora (dunha duración aproximada de 70 minutos):

2 charlas (10.00 e 12.00 h) o mércores 28 de outubro de “O galego nas redes sociais”, de Orgullo Galego, dirixidas ao alumnado de 1.º e 2.º de bacharelato dos IES da cidade.
As solicitudes de inscricións realizaranas os centros interesados, dende o 15 de setembro (a partir das 09.00 h) ata o 15 de outubro, para os centros públicos. Se quedasen prazas libres, abrirase un segundo prazo, para os centros concertados, dende o 15 ata o 26 de outubro.

A solicitude de asistencia realizarase a través da web de Educación, en https://edu.coruna.gal/coruna_educa_centros/main/login.php

Deberannos indicar o número de alumnado e de profesorado acompañante. Confirmaráselles a inscrición aos centros por orde de solicitude, ata que se complete a capacidade da planta baixa do auditorio (300 butacas). Débese estar no Centro Ágora con 20 minutos de antelación.

A actividade é de balde. O transporte (de precisalo) correrá por conta de cada centro escolar.

Estas charlas formativas teñen como obxectivo mostrarlle ao alumnado a situación do idioma galego en Internet, dar a coñecer distintas persoas creadoras de contido no noso idioma, explicar o éxito da plataforma Orgullo Galego etc.

Orgullo Galego é unha comunidade en redes en lingua galega que naceu no ano 2016 en Facebook co obxectivo de divulgar a nosa lingua, cultura e tradicións mais tamén para falar de actualidade, humor, historia etc. con Galicia como eixe central. Un dos obxectivos principais é normalizar o uso do galego nas redes sociais e mostrar que o galego non resta, ao contrario, ten un valor engadido e con el podemos chegar a milleiros de persoas. Outro dos obxectivos é empregar as novas tecnoloxías para dar a coñecer a nosa historia e cultura dun xeito moderno que contribúa a chegar a todas as capas da sociedade mais especialmente á xente máis nova.

Obxectivos do programa Falamos secundaria:

Promover e fomentar a utilización da lingua galega nos centros de educación secundaria da Coruña.
Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
Estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado da lingua galega.
Superar vellos prexuízos, presións globalizadoras e inercias negativas.
Procurar espazos de uso e de lecer en lingua galega que sexan de calidade para o alumnado dos centros de ensino da nosa cidade.
Máis información a través de inscricionslingua@coruna.gal

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here