Pakolas e Laura Romero veñen de acadar un dos 5 primeiros premios coa dotación máxima de 22.500 euros, para levar a cabo a súa proposta de «Cores e rock para un ecoloxismo molón». 20 propostas en total foron premiadas neste certame pola Deputación da Coruña.

A iniciativa foi presentada este xoves 10 de Xullo de 2025, coa estrea do espectáculo na Biblioteca verde do CEIDA en Oleiros.
Laura Romero levou a cabo un mural ambientado na biblioteca que promove o educación ambiental, e Pakolas animou a toda a cativada a rockear en galego por un ecoloxismo molón con Ecoralia. Máis de 80 nenos e nenas coas súas familias gozaron con esta actividade desenvolvida grazas á Deputación de Coruña e á colaboración do CEIDA Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga.
Ademais todas as familias aproveitaron para coñecer a biblioteca verde do CEIDA, un centro público de recursos de información e documentación sobre a Educación Ambiental e o Medio Ambiente. O seu funcionamento é similar ao dunha biblioteca especializada e alberga nas súas instalacións un amplo e variado fondo documental con máis de 27.000 recursos bibliográficos. Dende o ano 2022, o Centro de Documentación atópase ubicado nas antigas cabalarizas do Pazo deLóngora en Oleiros. Está aberta a todo o público interesado na información ambiental.
O proxecto multidisciplinar desenrolado por Paco Cerdeira e Laura Romero combina a ilustración e a pintura mural coa música galega en directo a través dun espectáculo escénico de Pakolas de «Ecoralia a lambona ecolóxica», para a visibilización de temáticas como a ecoloxía e o coidado do medio, a sensibilización medioambiental, a defensa da terra, así como a reivindicación da lingua galega nas artes. A proposta vai dirixida principalmente ao público das cativas e dos cativos, e na súa maior parte dentro do ámbito educativo, en ciclos de infantil e primaria, especialmente ao alumnado das escolas unitarias e coles con comedores sostibles ou Km 0, pero tamén aos centros de educación especial. Engádese ademais algún centro ou biblioteca singular relacionada co obxecto do proxecto (medio ambiente) ampliando así proposta escénica musical e mural ao público xeral familiar. Tras esta presentación oficial para público xeral, a partir de setembro de 2025 seguirá xirando por cinco centro escolares da provincia, finalizando en decembro de 2025.


