‘O videoxogo en galego’ percorre os institutos

Exposición que busca dar visibilidade á creación e tradución nesta lingua na industria do entretemento dixital.

*Información descargable aquí: https://paratraduccion.com/doctorado/o-videoxogo-en-galego/

“O videoxogo é hoxe unha das principais canles de socialización cultural, especialmente entre a mocidade, e resulta estratéxico que o galego teña presenza neste medio”. Así o consideran os profesores e investigadores do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo Óscar Ferreiro Vázquez, Ramón Méndez González e José Yuste Frías, motivo polo cal decidiron poñer en marcha o proxecto O videoxogo en galego, unha exposición itinerante que percorrerá nos vindeiros meses diferentes institutos de educación secundaria da provincia de Pontevedra. Dende esta semana, a mostra xa se pode visitar no IES Politécnico de Vigo, onde este mércores tivo lugar o acto de inauguración, que contou coa presenza dos tres docentes que comisarian a exposición xunto coa vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, o equipo directivo do centro e o estudantado implicado.

Segundo explica Óscar Ferreiro Vázquez, a exposición nace coa vontade de “dar visibilidade aos videoxogos desenvolvidos orixinalmente ou traducidos ao galego, recoñecendo un ámbito cultural en expansión que combina creatividade, tecnoloxía e identidade lingüística”. A iniciativa nace do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV), o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI) —recoñecido pola Xunta de Galicia como máster universitario excelente e integrado na rede europea de mestrados da Comisión Europea—, o Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Pontevedra.

O proxecto pretende promover o coñecemento destas creacións, recoñecer o traballo de creadoras, creadores e tradutoras, fomentar unha reflexión crítica sobre o papel da lingua na industria e contribuír á dinamización cultural e lingüística. Para iso, engaden os tres docentes implicados, contaron coa “inestimable colaboración” dun grupo de antigos estudantes da Universidade de Vigo, cinco dos cales forman parte na actualidade do programa de doutoramento en Tradución & Paratradución: Lois Denís Agrelo Arxóns, Ana Doval Fernández, María Herrero Prado, Paula Regueiro Fajín, Leticia Robles Soneira e Elena Valle García.

Obxectivos e destinatarios
O videoxogo en galego aspira, en palabras de José Yuste Frías, a ”converterse nunha ferramenta útil para a promoción da lingua galega, a educación crítica en medios dixitais e o fomento da creatividade cultural e tecnolóxica local”. A exposición diríxese a un público amplo: alumnado de secundaria e bacharelato, comunidade educativa, familias, persoas afeccionadas ao videoxogo e colectivos culturais e tecnolóxicos. Comprende pezas expositivas en formato físico e dixital, materiais informativos e un catálogo divulgativo dispoñible a través dun código QR. Ademais, paralelamente desenvolveranse obradoiros e charlas co obxectivo de converter a mostra nun espazo participativo e de transferencia de coñecemento entre universidade e sociedade.

Dentro desta dimensión participativa, o antigo estudantado que estivo implicado no proxecto elaborou tamén unha narrativa interactiva a través de Twine, unha ferramenta libre que permite crear historias non lineais e xogos de ficción interactiva. Esta narrativa será presentada ao alumnado dos centros como actividade lúdica e xogable, coa que se traballarán aspectos culturais e lingüísticos en galego, favorecendo a aprendizaxe de maneira amena e creativa.

Tras unha semana no IES Politécnico, O videoxogo en galego continuará o seu percorrido por outros centros da provincia ata o mes de decembro, o que garante un primeiro tramo de ampla difusión. Segundo destaca Óscar Ferreiro, “esta itinerancia permitirá achegar a exposición a centros educativos ampliando así o seu alcance e impacto social”.

Charlas con alumnado do centro
Aproveitando a inauguración da exposición, levouse tamén a cabo un obradoiro.interactivo con alumnado de 4ª da ESO e unha charla con estudantes de 1º de bacharelato sobre saídas profesionais en humanidades e, máis especificamente, sobre a oferta académica que se ofrece desde a Facultade de Filoloxíe e Tradución, incluíndo graos, mestrados, doutoramento e o título propio ETIV.

Preme para descargar

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here