O IES do Milladoiro gaña a final do Club de Debate Alingua 2026


• Na final celebrada este sábado no Auditorio Municipal de Bertamiráns, coa participación de oito equipos de diferentes institutos galegos.
• En segundo lugar quedou o equipo IES Terra de Xallas, de Santa Comba.

O IES do Milladoiro (Ames) é o novo equipo campión do Club de Debate Alingua. Os anfitrións conseguiron o título este sábado no Auditorio de Bertamiráns. Os vixentes campións e gañadores das dúas anteriores edicións, o IES Terra de Xallas, soben tamén ao podio, mais desta volta no segundo chanzo.

Entre as 10:00 e as 20:00 horas deste sábado 25 de abril, a paixón dos mellores oradores e oradoras dos centros educativos galegos quedou demostrada no escenario do Auditorio de Bertamiráns (Ames). Mozas e mozos dos oito equipos gañadores das fases previas amosaron a súa habilidade coas palabras durante a xornada final do Club de Debate Alingua 2026. Ao ímpeto e enerxía dos participantes uniuse o rigor nas exposicións, demostrada por todo o alumnado participante na intensa confrontación de argumentos.

“Falemos galego sempre, con orgullo e sen vergonza”, subliñou Blas García, alcalde de Ames, durante o acto institucional de entrega de premios. No evento estiveron presentes tamén o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, a concelleira de Educación e Lingua de Santa Comba, Patricia Val, a concelleira de Cultura e Lingua de Rois, Victoria Quiroga, e Bea Martínez, concelleira de Educación e Mocidade do concello de Ames que acolleu nesta xornada o evento. Os representantes das institucións que apoian o Club de Debate a Lingua coincidiron en salientar o valor dunha actividade que pon en valor e dinamiza a lingua galega e o compromiso do alumnado e docentes participantes. Tamén destacaron o traballo e esforzo dos técnicos de normalización lingüística dos concellos e da asociación Alingua na promoción de eventos como o Club de Debate. Ademais, chamaron ás familias a agarimar a lingua no contexto dos fogares en prol do futuro do noso idioma.

O xurado, integrado por expertos no eido da comunicación e da lingua (Iria Liñares, estudante de Filoloxía e participante do club de debate da Universidade de Santiago; Lucía Ferro, filóloga; Helena Sánchez, tamén involucrada co club universitario de debate; Bárbara Bustelo, especialista en tradución e interpretación e Gabino Vázquez, membro do seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega), subliñou o esforzo e a intensa preparación previa demostrada por todos os equipos, poñéndolles especialmente difícil a decisión, nunha igualadísima final que enfrontaba os oito equipos xa gañadores das súas respectivas fases previas e que se resolveu con axustadas diferencias na puntuación.

Clasificación final
1º) IES do Milladoiro (Ames) : 309 puntos
2º) IES Terra de Xallas: 296 puntos
3º) Filipenses (Vilagarcía de Arousa): 261 puntos
4º) Colexio La Salle (Santiago de Compostela): 255 puntos
5º) Grupo Nós – CPR Santiago Apóstol (Narón): 254 puntos
6º) CPI dos Dices (Rois): 252 puntos
7º) IES Canido (Ferrol): 243 puntos
8º) Rompentes – IES de Breamo (Pontedeume): 216 puntos

Os dous primeiros, IES do Milladoiro e IES Terra de Xallas, serán así os equipos que gozarán do premio adicional dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, con contidos culturais relacionados cos obxectivos da actividade.

Lingua e ensino a debate

O tema elixido para a final foi o seguinte: “O ensino obrigatorio garante a igualdade de
competencia nas dúas linguas oficiais”. Así, e durante toda a xornada, cada equipo participante debateu en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. O xurado integrado polos mencionados cinco profesionais de diversas áreas relacionadas puntuou as intervencións dos equipos.

A xornada evidenciou o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, pero tamén deixou ver o compañeirismo. Unha vez máis, o alumnado que este sábado ateigou o Auditorio demostrou que a competitividade non exclúe valores de respecto e empatía e así se viu no bo ambiente todo o día entre os participantes de diferentes institutos galegos.

Ademais, como é habitual no Club de Debate Alingua, destacou tamén a boa relación e o respecto entre os equipos finalistas. En prol deste obxectivo, a iniciativa inclúe en todas as súas xornadas, tanto nas fases previas como na final, espazos e tempo para dinámicas de interacción onde os mozos e mozas dos diversos centros educativos poden mesturarse e compartir actividades guiadas polo monitorado. Esta particularidade do Club de Debate Alingua, ofrece oportunidades para alén dos enfrontamentos no escenario, compartir experiencias, empatizar cos rivais e activar a lingua galega nos espazos de convivencia.

Club de Debate Alingua

O Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, e que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Trátase dunha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión e o debate sobre temas de actualidade. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2026 está apoiada polos concellos de Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.

A comezos do pasado mes de marzo e durante cinco días, celebráronse as fases clasificatorias no Pazo da Cultura de Narón e no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Rois. Os oito equipos gañadores debateron daquela intensamente arredor do tema“O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”, proposta xurdida das propias suxestións de temáticas que achegaron os centros educativos participantes.

A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos están formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e conta cun/ha profesor/a que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.

Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here