O Día de Rosalía nos centros de ensino: Propostas da AELG

curtas_rosaliaDesde a AELG, convidan á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:

Educación Infantil e Primaria

A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. Convidamos a que este traballo se realice na semana previa ao 24 de febreiro, para que ese día concreto se proceda desde os centros a un envío das postais aos enderezos das familias do alumnado, como agasallo rosaliano personalizado pola rapazada. Como texto propoñemos a seguinte estrofa de “Alborada”, tamén de Cantares gallegos:

Canta, paxariño alegre,

canta!

Canta porque o millo medre,

canta!

Canta porque a luz te escoite,

canta!

Canta que fuxeu a noite.
Podes descargar aquí un modelo de tarxeta postal deseñado por Pepe Barro.

Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía.

Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo. Ademais, a AELG convida a toda a sociedade a compartir cos centros esta actividade.

Agradecemos que os centros nos comuniquen (oficina@aelg.org) a intención de participar desta iniciativa, para a facer constar nesta mesma páxina web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here