Este setembro de 2025 a Xunta vén de lanzar os novos materiais e recursos educativos en aberto a disposición de alumnado e profesorado que se amplían este curso a través da plataforma cREAgal, unha iniciativa pioneira no ámbito nacional que reforza o modelo galego de ensino híbrido, dado que o contido dixital dos mesmos vai acompañado de documentación que se pode empregar en papel, e mesmo vai acompañado dunha guía docente.

Con motivo da presentación dos mesmos, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, explicou que o seu valor reside en que son materiais didácticos “elaborados por docentes para docentes”, o que garante “a súa adecuación ao contexto real das aulas e a súa utilidade práctica no día a día”. Destacou, ademais, que se trata dun proxecto único en España, xa que ningunha xa que ningunha outra comunidade autónoma ten recursos propios cun enfoque curricular para todos os cursos.
Outra das fortalezas é que os materiais son gratuítos, de licenza aberta, o que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.
Preto de 300 recursos en aberto
Unha vez que se implemente completamente, a plataforma acadará os preto de 300 recursos distintos, elaborados por máis de 200 docentes, e que abranguen todas as áreas de coñecemento e están adaptados a cada etapa educativa.
Como novidades este curso, incorpóranse novos contidos en distintas materias como Lingua Galega e Literatura, Plástica, Educación Física, Ciencias Sociais ou Música, entre outras.
A modo de exemplo, na área de Xeografía e Historia para 2º de ESO sobre a Alta Idade Media na península Ibérica, así como de Tecnoloxía e Dixitalización para 1º de ESO, sobre o uso seguro e inclusivo das tecnoloxías da información e a comunicación.
No primeiro dos casos, sobre os reinos altomedievais, o recurso vai acompañado dun reto de investigación que ten como eixo o mosteiro de Santo Estebo de Ribas de Miño, no corazón da Ribeira Sacra. Nel, o alumnado aprenderá a interpretar unha liña de tempo, a comprender como se estruturaban as sociedades da Idade Media e o papel da muller e a pegada cultural e artística destas sociedades.
No caso do de Tecnoloxía e Dixitalización, elaborado polo Centro Público Integrado de Zas, incídese no manexo correcto das novas tecnoloxías cun enfoque centrado sobre todo en dous sectores vulnerables como son os alumnos de Primaria e as persoas maiores da contorna. A través desta unidade didáctica, o alumnado poderá aprender a protexer os equipos, os datos e as persoas, ademais de respectar as normas de etiqueta dixital e os dereitos de autoría.
A Xunta de Galicia comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-2023 co deseño das bases piloto dos recurso educativos en aberto, e que xa desde o curso 2023-2024 se foron perfilando e incorporando ao repositorio materiais para 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Agora, neste presente curso 2025-26, incorpóranse novos contidos tanto para Primaria como para Secundaria, e continúase traballando en seguir implementando o repositorio.
ACCESO A CREAGAL
https://recursos.edu.xunta.gal/creagal
