Correlingua 2026

A proposta de lema escollida, das 190 recibidas na edición 2026, foi a enviada polo alumnado de 1º de Actividades de panadaría e pastelaría do CIFP de Vilamarín (Vilamarín – Ourense).

MANIFESTO CORRELINGUA 2026

“CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN”
Chegou a hora da revolución! E é cousa nosa. Das mozas e mozos que saímos ás rúas para defender a lingua con amor e intelixencia.
Chegou a hora! Porque… CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Unha revolución que é nosa porque somos presente e futuro da lingua. Porque queremos ser diversidade, empatía e respecto.
Porque nos preocupamos pola nosa cultura. Polo noso legado. Polo noso territorio. Pola nosa educación.

Porque non permitiremos que ningunha lingua deixe de latexar. E menos aquela que nos fai galegas e galegos. Aquela que fala de onde vimos e a onde queremos chegar.

E ti tamén podes unirte a esta revolta e dicir sen vergoña: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Ti, que non o falas todos os días, pero sabes falalo.
Ti, que o levas pegado na alma.
Ti, que o falas pero non en todos os sitios.
Ti, que queres aprendelo porque ves o mundo dende a curiosidade. Ti, que aínda non sabes que unha lingua pode medrar no teu peito. Ti, que non tes prexuízos.

Ti, que rompes cos prexuizos.
Ti… podes ser o futuro.
E berrar ben forte, para que todo o mundo escoite: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN

E tamén vós, que coidades, ensinades, decidides e informades.
Vós, que abrazades e transmitides. Que podiades pasar, pero non pasades. Que vos preocupades polo noso porvir. Tamén vós podedes unirvos a esta marcha imparable, necesaria e xusta.

E podedes falar para que ningunha lingua quede muda. Para que se escoite ben lonxe que: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN

Pois a revolta máis poderosa é a que nos fai ser nós.
E CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Cartel do Correlingua 2026

ACTIVIDADES DO CORRELINGUA
O Correlingua componse dunha serie de actividades nas que o alumnado dos centros de ensino pode participar ao longo do ano:

A PROCURA DO LEMA!
Cada ano os centros participan propoñendo o lema do Correlingua. Este ano, no último trimestre de 2025 participaron 56 centros de todo o país cun total de 1834 alumnos e alumnas que enviaron 190 propostas. O lema gañador ‘Co galego no corazón, facemos revolución’ Foi unha proposta do alumnado de 1o de Actividades de Panadaría e Pastelaría do CIFP de Vilamarín (Ourense).

REGUEIFANDO!
Facemos unha gran regueifa colectiva.
Enviamos a un centro un titorial, no que crean e gravan 3 coplas na aula, que se envían ao seguinte centro para que engadan as súas 3 coplas, e así sucesivamente con todos os centros participantes. Dende xaneiro hai aulas traballando a Regueifa e creando coplas
Nesta edición participan 37 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza cun total de 1.273 alumnos e alumnas.
En maio quedará editado o vídeo que recolle todas as coplas.

OBRADOIROS “DESATA A LINGUA”
Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1o e 2o da ESO.
Desde hai xa catro edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2025.
**Os obradoiros que se farán no último trimestre do 2026 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2027.

CREALINGUA
É un concurso libre de creación artística en galego, unha actividade que converte o Correlingua nunha ferramenta máis para promover o uso do galego no curso escolar.
Aberto a todas as disciplinas artísticas: vídeo, banda deseñada, radio, podcast, TikTok… ou calquera outro formato.
Prazo de recepción: ata 31 de maio de 2026.

CANTALINGUA
Convocatoria de música en galego aberta a todas as bandas e solistas de Galiza.
Os grupos musicais que participaron enviando unha canción en galego foron 28 nesta edición e entre eles atópanse os tres que animen as FESTAS CORRELINGUA 2026.

Calendario
SANTIAGO DE COMPOSTELA
[Martes] 5 de Maio de 2026
A CORUÑA
[Mércores] 6 de Maio de 2026
MOAÑA
[Xoves] 7 de Maio de 2026
MONFORTE
[Mércores] 13 de Maio de 2026
A ESTRADA
[Venres] 15 de Maio de 2026
NARÓN
[Martes] 19 de Maio de 2026
OURENSE
[Mércores] 20 de Maio de 2026
RIBADEO
[Mércores] 20 de Maio de 2026
PONTEVEDRA
[Xoves] 21 de Maio de 2026
LALÍN
[Venres] 22 de Maio de 2026
VIGO
[Venres] 22 de Maio de 2026
LUGO
[Mércores] 27 de Maio de 2026

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here