• A UNESCO recoñeceu as accións que Ponte…nas ondas! está a desenvolver con motivo do Día Internacional do PCI que foron destacadas na súa páxina web dentro das celebracións conmemorativas do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial.
• Hoxe luns comezaron os obradoiros Falamos nas ondas que Ponte…nas ondas! vai desenvolver en 10 centros educativos da provincia de Pontevedra. A Deputación de Pontevedra colabora con Ponte…nas ondas!, a única entidade acreditada pola UNESCO en Galicia para o patrimonio cultural inmaterial (PCI), na transmisión do patrimonio ás novas xeracións.

O CEIP Petelos, en Mos, acolleu este luns 20 de outubro o obradoiro “Falamos nas Ondas”. A iniciativa que comeza esta semana vai levar a 10 centros educativos da provincia de Pontevedra o “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”, precisamente a centros que xa forman parte da rede creada pola Consellería de Educación.
Estes obradoiros son posibles grazas a un convenio de colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e a Deputación de Pontevedra para a difusión e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial común galego-portugués, fomentando o coñecemento e a transmisión deste patrimonio ás novas xeracións. A UNESCO considera que se debe integrar na práctica educativa todos os ámbitos do PCI a rede de centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co PCI” é un exemplo disto. Os obradoiros son un modelo deste bo facer co patrimonio.
Unha sesión práctica co alumnado para realizar a gravación dun podcast en directo
Ponte…nas ondas! achega as expresións do patrimonio e o traballo coa edición de radio e podcast aos centros educativos. Unha sesión práctica para que o alumnado realice gravacións e podcasts da man de dous profesionais da locución e da música: Damián Alonso e Pancho Álvarez.
Un grupo de alumnado prepara o guión e a organización dun programa de radio e podcast con contidos preparados por eles. Practican e aprenden a gravar un podcast en directo da man de Damián Alonso.
Outro grupo coñece as expresións do PCI e as músicas tradicionais, con Pancho Álvarez preparan as músicas que van interpretar en directo na gravación do podcast, con instrumentos e voces.
O resultado plásmase na edición dun podcast que se divulga no centro educativo e no portal “Escolas nas ondas” (www.escolasnasondas.com)
Centros participantes:
1. CEIP PETELOS. Petelos.
2. IES PEDRAS RUBIAS. Salceda de Caselas
3. IES INDALECIO TIZÓN. Tui.
4. IES ALEXANDRE BÓVEDA. Vigo.
5. CEIP DO FOXO. A Estrada
6. IES A. LOSADA DIÉGUEZ. A Estrada
7. IES SÁNCHEZ CANTÓN. Pontevedra
8. IES VALADARES. Vigo
9. IES PONTECALDELAS. Pontecaldelas
10. CEP CARLOS CASARES. Salvaterra de Miño
ACCIÓNS EN LUGO, A CORUÑA E PONTEVEDRA
A UNESCO RECOÑECE E DIVULGA AS ACTIVIDADES DE PONTE…NAS ONDAS! DO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL (PCI)
• As actividades que figuran na web da UNESCO son dúas que xa comezaron en Lugo:
• a apertura da exposición sobre os bens de PCI de España inscritos na UNESCO, cedida polo Ministerio de Cultura e que contou co apoio da USC e da Xunta de Galicia para súa montaxe na biblioteca intercentros da USC do campus de Lugo. Este é o enlace:
https://ich.unesco.org/en/activities/exposition-photographique-de-l-ensemble-des-biens-du-patrimoine-culturel-immateriel-espagnols-inscrits-sur-les-listes-de-l-unesco-00643
• o acto central do día internacional do PCI celebrado baixo o título “Enfiando o inmaterial” no Museo Provincial de Lugo. Este é o enlace:
https://ich.unesco.org/en/activities/enfiando-o-inmaterial-spinning-the-intangible-00670
Estas actividades foron recoñecidas pola UNESCO e incorporadas á súa páxina oficial entre os actos do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta difusión constitúe unha excelente oportunidade para dar a coñecer as boas prácticas do modelo Ponte…nas ondas!
Outra actividade que vai ser referenciada é a recente publicación do Cancioneiro galego-portugués editada área de lingua da Deputación de A Coruña e que foi presentada o venres 17 na sede provincial.



