• O Auditorio Municipal de Bertamiráns, no Concello de Ames, acollerá a competición o sábado 25 de abril.
• Alumnado de secundaria e bacharelato de 37 equipos, procedentes de 13 concellos, competiu por un posto na final do certame.
• Pasan á final IES do Milladoiro (Ames), Colexio Lasalle (Santiago de Compostela), Grupo Nós – CPR Santiago Apóstol (Narón), IES Canido 1 (Ferrol), CPI dos Dices (Rois), Rompentes – IES de Breamo (Pontedeume), IES Terra de Xallas 2 (Santa Comba) e Filipenses (Vilagarcía de Arousa).

Alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato dos concellos participantes (nesta edición 2026 Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa), púxollo difícil ao xurado do Club de Debate Alingua na escolla dos equipos gañadores. Nas cinco intensas fases de clasificación que acolleron o Pazo da Cultura de Narón e o Campus Tecnolóxico Cortizo, en Rois, os 37 equipos participantes demostraron a súa habilidade coas palabras.
De luns a venres o alumnado participante amosou tamén o amplo traballo de investigación previo realizado. Arredor da afirmación proposta, “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”, xurdida das propias suxestións de temáticas que achegaron os centros educativos participantes, os equipos defenderon desde o escenario as súas sólidas argumentacións, ben documentadas e expostas.
Os equipos, formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cun docente que se encarga de adestrar e asesorar, defenderon con paixón en cadansúa quenda, a favor e en contra, a súa liña argumental, para gañar o favor do xurado. Así, este venres coñecemos á fin o resultado e sabemos da identidade dos máis hábiles oradores e oradoras dos centros educativos galegos neste curso, que afinan xa os seus argumentos á porta da gran final da edición 2026 do Club de Debate Alingua, que acollerá Bertamiráns o próximo sábado 25 de abril.
Os oito equipos clasificados para a final son os seguintes:
OS CINCO EQUIPOS GAÑADORES DAS FASES PREVIAS:
IES do Milladoiro (Ames)
Colexio Lasalle (Santiago de Compostela)
Grupo Nós – CPR Santiago Apóstol (Narón)
IES Canido 1 (Ferrol)
IES Terra de Xallas 2 (Santa Comba)
E OS TRES EQUIPOS CLASIFICADOS EN 2º LUGAR COA MELLOR PUNTUACIÓN:
CPI dos Dices (Rois)
Rompentes – IES de Breamo (Pontedeume)
Filipenses (Vilagarcía de Arousa)
Máis sobre o Club de Debate Alingua
A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos están formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e conta cun/ha profesor/a que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.
Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familizarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.
O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.
Os equipos gañadores das fases de zona e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.



