Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G reciben os XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo entrega o sábado 3 de xullo de 2026 do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua, unha iniciativa que recoñece iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa promoción e dignificación da lingua galega. Carlos Callón, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), A Gramola Gominola e Vitamina G foron os premiados, que recolleron os galardóns da man da deputada de Lingua, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa actuación musical de Sheila Patricia.

O xurado, composto polas persoas premiadas o ano anterior, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. e a técnica de normalización lingüística da Deputación Dores Sánchez, que actuou como secretaria , premiou ao filólogo Carlos Callón, na categoría A, para persoas; a CTNL, na categoría B, para entidades, e os proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G, galardoados ‘ex aequo’ na categoría C, a das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, que reciben un premio de 5.000€ nun certame ao que concorreron 31 candidaturas.

Agra salientou o traballo de todas as entidades premiadas e as súas propostas, afirmando que “é un orgullo premiar a quen nos premia cada día coa defensa activa da nosa lingua, e para isto naceron estes premios Rosalía”. “Parabéns por ser parte, por ser orgullo, por non rendervos ás estatísticas, nin ao pesimismo, por pertencer aos miles de persoas que son conscientes da importancia que ten actuar cando todo se pon en pon en contra, cando nin as leis axudan a favorecer o uso do galego con normalidade na Galiza” engadiu.

A deputada puxo en valor, ademais, o traballo que leva a cabo a área de lingua da Deputación, “porque para conseguir a normalización lingüística facemos falta todas e todos, individual e colectivamente, pero sobre todo institucións con vontade política e orzamentos”. Neste sentido, sinalou que “esta institución mobiliza partidas millonarias para apoiar as iniciativas locais. Desde a Área de Lingua destinamos máis de medio millón de euros aos concellos para financiar ao persoal técnico da provincia da Coruña; e a institución con maior orzamento do país, a Xunta, destina 350 mil para toda Galiza”. Agra tamén salientou algunhas das iniciativas que se levan a cabo dende a área de lingua, como a programación propia e as campañas de sensibilización sociolingüística; o apoio a entidades sociais que traballan a favor da lingua; a edición de guías para eliminar os prexuízos; os grupos de conversa para neofalantes ou os cursos de galego para migrantes, entre outras.

Os premiados

Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua.

Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».

Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos» e o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».

Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.

No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.

Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here