O curso escolar 2026-2027 comeza en Galicia o 9 de setembro e remata o 21 de xuño de 2027 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos de FP, que rematarán o 15 de xuño.

Calendario das actividades lectivas
1. As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, primeiros cursos de ciclos formativos de grao básico, de grao medio e de grao superior da formación profesional, nos cursos de especialización e nas ensinanzas de réxime especial realizaranse desde o día 9 de setembro de 2026 ata o 21 de xuño de 2027, ambos incluídos.
Nos segundos cursos dos ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior da formación profesional, as actividades lectivas realizaranse desde o día 9 de setembro de 2026 ata o 15 de xuño de 2027, ambos incluídos.
No segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas da proba de acceso á universidade (en diante, PAU).
2. No caso das ensinanzas de réxime especial, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas. En calquera caso, as actividades lectivas deberán ter comezado o día 16 de setembro de 2026. A impartición efectiva das clases rematará de acordo cos calendarios de final de curso e probas de acceso e/ou certificación, que deberán ser autorizados pola dirección territorial correspondente, logo de solicitude por parte das direccións dos centros con anterioridade ao día 30 de abril de 2027.
Vacacións escolares
Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2026/27 serán os seguintes:
– Desde o día 22 de decembro de 2026 ata o día 7 de xaneiro de 2027, ambos incluídos.
– Os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2027.
– Do día 22 ao 29 de marzo de 2027, ambos incluídos.
Días non lectivos
1. As festas laborais de ámbito estatal, as festas laborais de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e as festas laborais de carácter local acordadas pola consellería con competencias en materia de emprego da Xunta de Galicia serán días non lectivos.
2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local a que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, os consellos sociais ou, na súa falta, as persoas responsables dos centros de menos de tres unidades solicitarán, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral anual do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes do día 16 de outubro de 2026 perante a dirección territorial correspondente, que, logo de informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.
É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días non lectivos, para o cal se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.
3. O Día do Ensino, que terá a consideración de día non lectivo, celebrarase o 7 de decembro de 2026.
Conmemoracións
1. Os centros docentes poderán organizar, no horario lectivo, actividades de interese relacionadas co seu proxecto educativo co obxecto de promover ou celebrar conmemoracións que sensibilicen sobre temas de interese social, cultural e/ou ambiental.
2. Así, os centros docentes poderán celebrar as conmemoracións que establezan na súa programación xeral anual, tendo en conta, de ser o caso, os criterios sobre a incorporación de elementos transversais e sobre o deseño das actividades complementarias recollidos na concreción curricular. Para estes efectos, as conmemoracións indicadas no anexo I terán carácter orientativo.
Sesión de avaliación inicial
A data límite para a realización da sesión de avaliación inicial será o 16 de outubro de 2026.
Sesións de avaliación parciais
Os centros docentes, facendo uso da súa autonomía, concretarán as datas das sesións de avaliación parciais procurando unha repartición equilibrada na duración dos períodos de cada avaliación e tendo en conta que a derradeira destas sesións debe coincidir coa data da avaliación final na educación infantil, na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e coa data da avaliación final ordinaria do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico.
Probas de avaliación de diagnóstico
As probas da avaliación de diagnóstico correspondentes a cuarto curso de educación primaria e a segundo curso de educación secundaria obrigatoria realizaranse:
– Na educación primaria, todos os días entre o 26 e o 30 de abril de 2027.
– Na educación secundaria, todos os días entre o 19 e o 23 de abril de 2027.
Servizos complementarios
1. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización da dirección territorial correspondente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle á dirección territorial a proposta de horario escolar para o curso 2026/27, que deberá resolver antes do inicio das actividades lectivas.
2. Os comedores escolares dos centros públicos funcionarán desde o día 9 de setembro de 2026 ata o 21 de xuño de 2027, ambos incluídos.
Conmemoracións orientativas
– 20 de novembro: Día Universal da Infancia.
– 25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
– 3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
– A semana do 6 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.
– 10 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
– 24 de xaneiro: Día Internacional da Educación.
– 30 de xaneiro: Día Escolar da non Violencia e da Paz.
– 23 de febreiro: Día de Rosalía de Castro.
– 8 de marzo: Día Internacional da Muller.
– A segunda semana de marzo: Semana da Prensa.
– 15 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
– 1 de abril: Día das Artes Galegas.
– 7 de abril: Día Mundial da Saúde.
– A semana do 23 de abril: Semana do Libro.
– 2 de maio: Día Internacional contra o Acoso Escolar.
– 9 de maio: Día de Europa.
– A semana do 17 de maio: Semana das Letras Galegas.
– 5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente.
– Na/nas data/s elixida/s polo centro no calendario de celebracións internacionais relacionadas coa igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia: conmemoracións para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual.



