Calendario escolar do curso 2025/26

Comezará o 8 de setembro e rematará o 19 de xuño.

O vindeiro curso escolar 2025/2026 comezará o próximo 8 de setembro e rematará o 19 de xuño de 2026 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior de FP, que rematarán o 15 de xuño, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, no caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de ensinanzas, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas ata o 15 de setembro como moi tarde. Tamén cómpre subliñar que no caso de 2º curso de Bacharelato as clases rematarán de acordo coas datas previstas para a Proba de acceso á universidade, PAU.

Os períodos de vacacións escolares irán do día 22 de decembro de 2025 ao 7 de xaneiro de 2026, ambos inclusive, no Nadal; os días 16, 17 e 18 de febreiro de 2026 para o Entroido, e desde o día 30 de marzo ao 6 de abril, ambos incluídos, para a Semana Santa. Ademais, serán días non lectivos o 31 de outubro (Día do ensino), o 3 de novembro e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.

A orde de calendario tamén recolle que, para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da LOMLOE para 4º de Primaria terán lugar entre o 20 e o 24 de abril, e para 2º de ESO realizaranse entre o 13 e o 17 de abril.

Canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil, os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 12 de setembro.

Conmemoracións orientativas
– 20 de novembro de 2025: Día Universal da Infancia.
– 25 de novembro de 2025: Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
– 3 de decembro de 2025: Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
– A semana do 6 de decembro de 2025: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.
– 10 de decembro de 2025: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
– 24 de xaneiro de 2026: Día Internacional da Educación.
– 30 de xaneiro de 2026: Día Escolar da non Violencia e da Paz.
– 23 de febreiro de 2026: Día de Rosalía de Castro.
– 8 de marzo de 2026: Día Internacional da Muller.
– 15 de marzo de 2026: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
– A segunda semana de marzo de 2026: Semana da Prensa.
– 1 de abril de 2026: Día das Artes Galegas.
– 7 de abril de 2026: Día Mundial da Saúde.
– A semana do 23 de abril de 2026: Semana do Libro.
– 2 de maio de 2026: Día Internacional contra o Acoso Escolar.
– 9 de maio de 2026: Día de Europa.
– A semana do 17 de maio de 2026: Semana das Letras Galegas.
– 5 de xuño de 2026: Día Mundial do Medio Ambiente.
– Na/nas data/s elixida/s polo centro no calendario de celebracións internacionais relacionadas coa igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia: conmemoracións para favorecer a visibilidade e integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual.

Toda a información no DOG
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250515/AnuncioG0761-090525-0003_gl.html

SHARE

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here