Complemento desta premiada obra de teatro.
A unidade didáctica “María Barbeito: Innovación e resistencia”, presenta un enfoque funcional e unha organización flexible, que permite ao profesorado decidir cando e que ensinar, así como nocións que permitan afondar en cada un dos bloques temáticos propostos. Cada un deles, presentará uns contidos diferenciados que gardarán estreita relación coas escenas que conforman a representación teatral “As alumnas”, e que estarán dirixidos a reflexionar e corrixir as situacións sociais de desigualdade mediante o ofrecemento de argumentos que axuden a combater a discriminación estrutural que sofre a muller polo simple feito de selo.
Esta unidade didáctica componse de 5 bloques:
• Regreso ao pasado. Un exercicio de memoria histórica
• Novembro de 1970.O legado inmortal de María Barbeito.
• A Boneca. A “escola feminina” do franquismo.
• Lingua Vernácula. A longa noite de pedra.
• As mestras republicanas

As Alumnas recibiu en 2023 o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. Ademais, a escritora e dramaturga Paula Carballeira, recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática por esta obra.
As Alumnas non é só unha obra de teatro, senón un proxecto que pretende sensibilizar sobre cuestións de memoria histórica e igualdade. Por iso, conta cunha unidade didáctica que completa a produción teatral.
A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental do espectáculo. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. “As Alumnas” busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade, creándose así un acto ético/estético que se complementa coa participación de espectadores activos.
VÍDEOS DE APOIO Á UNIDADE DIDÁCTICA
Preme aquí para descargar a unidade didáctica “María Barbeito: Innovación e resistencia”



