Actividades do proxecto de investigación Climability en colaboración da Confraría de Pescadores de Vigo.

Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e liderado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o proxecto Climability busca dotar os futuros e futuras docentes que se forman na universidade de competencias clave para que poidan abordar nas aulas o cambio climático. Nomeadamente, busca promover o desenvolvemento do pensamento sistémico, que permita ao estudantado comprender como no cambio ambiental global interveñen múltiples procesos, que se interrelacionan entre si. Con ese obxectivo, o proxecto coordinado polo profesor Uxío Pérez prevé o deseño, implantación e avaliación de diferentes accións formativas que favorezan a abordaxe das problemáticas ambientais desde unha perspectiva sistémica e crítica. A primeira delas púñase en marcha nos últimos días coa colaboración da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo e tivo como eixe central a comprensión dos ecosistemas costeiros.
Coordinada por Pérez e pola tamén investigadora do grupo Cies Mercedes Varela, esta iniciativa comprendeu tanto unha saída de campo como talleres na facultade, dirixidos a promover, explican, “a capacidade de analizar sistemas complexos, identificando elementos, relacións e dinámicas”. Desenvolvida con preto de 50 estudantes da materia Didáctica das Ciencias Experimentais II, do Grao en Educación Primaria, tratábase da primeira actividade con profesorado en formación que se leva a cabo ao abeiro deste proxecto, que se estenderá ata finais de 2026. Neste insírese tamén o deseño dun cuestionario dirixido a analizar os coñecementos e actitudes dos futuros e futuras docentes respecto do cambio climático, validado nos últimos meses cunha mostra de preto dun milleiro de persoas.
Da praia ao laboratorio
Este cuestionario permitirá avaliar a adquisición de dúas competencias clave en materia de sostibilidade, como son o desenvolvemento do pensamento sistémico e do pensamento crítico, por parte do estudantado participante nestes obradoiros. Como explican Pérez e Varela, tratouse dunha actividade dirixida a promover “unha aprendizaxe interdisciplinar e colaborativa”, a través da integración de “coñecementos de bioloxía, ecoloxía, educación ambiental e arte científica”, coa que se buscaba que puidesen comprender as “interdependencias” entre os organismos vivos e os elementos non vivos dun ecosistema, así como “entre as accións humanas e os procesos naturais”.
A primeira das iniciativas foi unha saída de campo á praia de Punta Areíño, en Teis, onde o patrón maior da confraría, Iago Soto, biólogo e mariscador de a pé explicoulles “o funcionamento dos bancos marisqueiros, as técnicas de extracción e os retos ambientais que afrontan”, sinala Pérez. O alumnado puido tamén “coñecer de primeira man” o traballo das mariscadoras e mariscadores, “as súas ferramentas, técnicas e problemáticas”, ao tempo que tivo que “realizar mostraxes ecolóxicas na zona intermareal, aplicando estratexias como o uso de transectos e cadernos de campo”, recollendo unha serie de mostras coas que posteriormente traballarían no laboratorio.
Faríano na segunda fase desta iniciativa, o obradoiro Desenvolvemento do pensamento sistémico no laboratorio de ciencias experimentais, inserido á súa vez no proxecto de innovación educativa Oportunidades STEAM para desenvolver as competencias matemática, científica e artística. Seleccionado nunha convocatoria promovida pola facultade, este proxecto ten como obxectivo impulsar un conxunto de experiencias educativas coas que achegar ao futuro profesorado metodoloxías que, desde un enfoque interdisciplinario, combinen matemáticas, ciencia e arte.
Respondendo tamén a este obxectivo, estes obradoiros levaron o alumnado a empregar as mostras recollidas na praia “como base para a análise científica, a interpretación ecolóxica e elaboración de materiais didácticos”. Nese senso, esta iniciativa buscou non só que o alumnado analizase as mostras recollidas, “identificando especies de bivalvos, algas e plantas mariñas”, senón tamén que elaborasen debuxos científicos e “esquemas de distribución ecolóxica” das especies analizadas. Deste xeito, buscábase que puidesen coñecer “conceptos clave do ecosistema costeiro”, pero tamén promover unha reflexión “sobre o impacto das actividades humanas no ecosistema”, sinala Pérez. Xunto á súa avaliación ao abeiro do proxecto Climability, estas actividades veranse continuadas por novas propostas como a elaboración dun “itinerario virtual da praia” ou novos obradoiros, así como coa elaboración dun “caderno de campo” por parte do alumnado.
