O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada A lingua dos grifóns, que, unha vez aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo.
No continente devastado de Anterga, as palabras poden salvar ou destruír.
Viri e o seu irmán Lauro medran nun orfanato onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos. Cando son expulsados do único fogar que coñecen, vense arrastrados a unha viaxe inesperada: un convite misterioso, unha profecía esquecida e unha misión imposible que os leva a desafiar a opresión dos vougos e a buscar respostas nas ruínas dunha natureza moribunda.
Entre volcáns, desertos de sal e selvas cheas de perigos, Viri e Lauro descubrirán que a súa voz –e a capacidade de lembrar o que outros quixeron enterrar– é máis poderosa do que imaxinaban. Xunto a unha tribo de grifóns lendarios e unha alianza de orfos rebeldes, deberán escoller entre calar para sobrevivir ou cantar para salvar o mundo.
O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou a calidade da obra presentada, así como a creación dun universo orixinal e unha atmosfera inmersiva nun mundo distópico rico en detalles culturais, lingüísticos e históricos.
A lingua dos grifóns é unha aventura épica e vibrante, chea de maxia, amizade e resistencia, que dá un paso máis na fantasía xuvenil galega.
“A miña intención coa novela é poñer en valor a lingua como elemento esencial dunha cultura. Para iso creei un mundo máxico en perigo de extinción cuxos habitantes resisten grazas á forza da palabra”, conta o autor.
Ademais, Santiago Lopo indica que “as criaturas fantásticas da novela veñen directamente dos bestiarios medievais e algúns termos fundamentais na narración proceden de linguas xa desaparecidas”.
Santiago Lopo
Santiago Lopo (Vigo, 1974) é escritor, profesor e tradutor. As súas novelas máis coñecidas son Game Over (2007, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia), Peaxes (Xerais, 2009), Hora zulú (2012, Premio de novela García Barros), A Diagonal dos Tolos (2014, Premio Narrativa Breve Repsol), A arte de trobar (2017, Xerais, Premio Xerais de Novela) e A carteira (2021, Xerais, Premio Antón Losada Diéguez).

