A obra gañadora do XLI Premio Merlín de Literatura Infantil é A Banda da Albóndega, escrita por Ivana Gómez Abuín.
En Areleira, unha pequena vila mariñeira onde a marea deixa ao descuberto lodo, cunchas de mexillóns e segredos, Antía e o seu can Ringo atopan unha pequena caixa enferruxada enterrada na praia do Lago Verde. Dentro agóchase un fragmento de cerámica azul cun símbolo misterioso. O que semella ser unha simple curiosidade convértese axiña na primeira pista dun enigma.
Cos seus amigos Brais, Lúa e Kike —apadriñados polo mariñeiro xubilado Pepecho, gardián dun cuarto secreto cheo de lembranzas—, Antía funda A Banda da Albóndega e, xuntos, descubrirán que están a recuperar moito máis ca un misterio: están a rescatar a memoria dunha vila.
A Banda da Albóndega combina a emoción dos libros clásicos de misterio e aventuras cunha mirada fonda e agarimosa á memoria, á amizade e ao poder das historias. A novela constrúe un universo sensorial cheo de detalles —os cheiros da lonxa, as camisolas con mensaxe, os diálogos chispeantes— que sitúan o lector dentro da vila e fan que cada escena se sinta viva e próxima.
A obra destaca pola súa linguaxe fresca e coidada, que mestura humor, emoción e reflexión sen perder nunca o ritmo da acción, a mirada infantil e o simple gozo pola aventura. A historia xoga con símbolos recorrentes —o azul, o mar, o barco— para tecer unha metáfora da memoria como algo que pode afundirse, pero non desaparecer se hai quen se atreva a mergullarse nela. A galería de personaxes secundarios está trazada con tino, enriquecendo a historia sen distraer da trama principal. O resultado é unha obra divertida, emocionante e fonda á vez, que homenaxea os clásicos da novela de aventuras e misterio e que pode conquistar lectores e lectoras na nosa lingua.
“Escribín esta historia pensando naquela nena que medrou soñando con cuadrillas, mapas, pistas e peripecias de verán. Como mestra, quixen crear un libro no que as crianzas puidesen descubrir que ler tamén é xogar, investigar, rir, emocionarse e pasar unha páxina tras outra sen decatarse”, conta Ivana Gómez Abuín. Do mesmo xeito, explica que se trata dunha historia “próxima, chea de amizade, misterio, humor, mar e memoria, pensada para poder gozar da lectura e tentar facer lectorado: porque o mellor camiño cara aos libros pode comezar cun segredo, unha banda, moitas ganas de aventuras e sobre todo… albóndegas”.
“Gañar o Premio Merlín é unha honra xa que os libros e historias que conforman a colección son o acubillo perfecto onde medrar”, conta a autora.
Ivana Gómez Abuín
Ivana Gómez Abuín é lucense de nacemento, aínda que vive en Sada. Mestra de Educación Primaria, mediadora de lectura e buscadora de historias. Formada tamén en Enxeñaría Agrícola e Topografía, aprendeu a cartografar mapas que levan a tesouros perdidos. Imparte formacións ao profesorado, familias e crianzas e colabora con editoras como asesora e elaborando material didáctico. Tamén divulga sobre literatura infantil na súa conta de Instagram @libros_e_libros, participa en charlas e diversos proxectos relacionados coa lectura e forma parte da xunta directiva de GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. A Banda da Albóndega, Premio Merlín de Literatura Infantil 2026, é a súa primeiro obra publicada.

